O río Lérez e a ponte que o atravesa son os dous elementos fundacionais que dan razón de ser á cidade e unha personalidade diferenciada, como así queda reflectido no escudo municipal institucional. A nova identidade gráfica recolle a esencia e o significado dos símbolos históricos de representación da institución e incorpóraos a un discurso gráfico contemporáneo e coherente coas funcionalidades actuais.
A construción de marca mantén o escudo ou brasón municipal como principal elemento de representación institucional. Unha linguaxe de síntese formal e xeométrica que reduce a composición ao menor número de elementos en beneficio da sinxeleza e a lexibilidade. Nas aplicacións de carácter político e administrativo que compartan a vocación organizativa ou executiva propia da administración local o uso de elementos gráficos contense co obxectivo de gañar en orde e claridade. Por outra banda, en aplicacións orientadas á proxección dos valores diferenciais e estratéxicos da cidade a imaxe incorpora un segundo elemento de comunicación complementario á marca: un sistema gráfico, que aporta unha maior amplitude e flexibilidade á identidade, dadas as amplas e diversas necesidades de representación e comunicación dunha administración local como a de Pontevedra.
Concello de Pontevedra Identidade corporativa
Concello de Pontevedra