Os trofeos para o -I Certame de Materiais Innovadores de Galicia- foron concibidos para unir nun mesmo obxecto dous dos fitos máis importantes na evolución dos materiais e, por ende, na evolución humana: por unha banda, a cerámica, a través dunha das formas máis significativas como é a cultura prehistórica do vaso campaniforme (entre o 2900 a.c. e o 2500 a.c.); e por outra, as novas técnicas de fabricación da era dixital baseadas na síntese de polímeros.
Os primeiros obxectos cerámicos estaban conformados integramente de forma manual e representan o inicio do deseño como disciplina ao integrar ademais das compoñentes formal e funcional unha terceira dimensión ornamental ou expresiva. A olería tamén representa o descubrimento da cerámica como material e da súa aplicación na produción de obxectos domésticos de utilidade, con todo o que isto supuxo para a evolución da especie.
Na actualidade estamos inmersos no inicio dunha revolución dixital que está a posibilitar novas formas de entender a produción de obxectos. Un novo entorno caracterizado pola democratización de certos sistemas de produción, posibilitado pola accesibilidade a novos materiais e tecnoloxías de fabricación. Este feito conecta a era dixital actual coa época preindustrial onde cada persoa deseñaba e producía a medida os útiles e ornamentos persoais.