Dentro da ampla rede de centros de transformación que Finsa posúe na actualidade, a factoría de Padrón ocupa un lugar singular dentro do grupo, por ser esta a máis antiga en funcionamento. Esa lonxevidade leva asociada unha serie de valores como: oficio, experiencia, saber facer… que en un contexto industrial cobran un especial interese. Por iso, non é casualidade que sexa nesta planta onde se sitúa a sección de rechapados con lámina de madeira natural da marca. A gama alta de taboleiros técnicos que son resultado de procesos de transformación con un alto grao de manufactura.
Ao servizo da chapa de madeira natural e do proceso de rechapado nace Natur Hall, un espazo vivo e dinámico de reunión, formación, creación, exposición… que ten por obxectivo conectar a tódolos axentes implicados e así poder aproveitar as posibles sinerxías.
Constrúese aproveitando unha estrutura metálica en desuso sobre a que se colga un teito que á súa vez suxeita o cerramento de vidro. O obxectivo era crear unha pel o máis lixeira e neutra posible, que nos permitise acondicionar un espazo sen perder o contacto co que está a pasar afora.
Dentro unha grande mesa central aporta orde á composición e serve de soporte a todas as accións que alí conviven. Esta mesa aproveita unha antiga ponte grúa como sistema de elevación, conseguindo de forma rápida e cómoda liberar todo o espazo.
No perímetro disponse unha celosía de lamas verticais colgadas do teito que teñen unha dobre función: por un lado controlar a visión e a entrada de luz do exterior e por outro servir de soporte de exposición do propio produto.