A Fundación María Martínez Otero escolleu como tema para a terceira edición do seu concurso o mobiliario infantil.
A nosa proposta estructurouse arredor de dous eixos de traballo que debían acabar confluíndo nun único resultado: Un que viña dado pola compoñente moble, máis vinculada á función de uso -ou ao que para os adultos representa a razón-, e outro igual de necesario que representa a función lúdica -emoción-, dirixida a crear un vínculo emocional entre peza e usuario.
Froito deste plantexamento xurde Moolo, un obxecto a cabalo entre distintas tipoloxías de mobiliario (é un carriño, pero tamén un asento, e unha mesa, e un contedor), un obxecto cun vocabulario de formas primarias e de fácil comprensión, un obxecto flexible e manexable que estimula a capacidade imaxinativa dos cativos. Un obxecto -en definitiva- cunha concepción aberta, desprexuizada, como a mirada dos nenos.