MediaLúa é un obradoiro de artesanía situado en pleno casco histórico de Compostela, que conta cunha traxectoria de máis de quince anos de vida. A súa actividade dende o inicio céntrase na produción de obxectos a partires do coiro, prestando especial atención ás técnicas tradicionais de guarnicionería e manipulado, así como á trazabilidade dos materiais que empregan.
O encargo centrouse en crear dúas liñas de embalaxe diferenciadas, dado o tamaño e natureza dos produtos que cada unha delas debería conter, máis cun certo grao de parentesco que as vinculara en beneficio dunha coidada imaxe de marca.
A primeira liña está pensada para unha categoría que inclúe produtos de decoración para o fogar. Tódalas pezas teñen xeometrías próximas a casquetes esféricos ou elipsoides, polo que o meirande reto era conseguir volumes de cartolina que se aproximasen a esas formas. A solución nace da intersección entre xeometrías abovedadas opostas, resolvendo as interseccións mediante uns característicos pregues.
A segunda liña xorde da necesidade de crear un envoltorio específico para pequenas pezas de xoiería, traballando coa idea de crear unha experiencia ó redor da apertura e percepción destas. Ao igual que a anterior solución as interseccións están resoltas mediante pregues que se acaban convertendo no recurso máis representativo da embalaxe.
Medialúa Sistema de embalaxe
Ana Serra