Asistimos nos últimos anos a unha popularización da gastronomía que está levando ao ámbito doméstico costumes, formas e ferramentas dos grandes restaurantes, e esta circunstancia produce unha certa obsolescencia na maneira en que se desenvolve o acto de presentar e degustar. Con esta reflexión como base, Sargadelos invitounos a participar no proxecto GastroLab para procurar novas pezas que estean en maior sintonía con estes cambios.
A medida que nos documentamos puidemos ver moitos pratos que son pequenos xogos gastronómicos: pratos de contrastes onde se contrapón o seco e o húmido, o frío e o quente, as texturas… ou pratos-secuencia nos que se nos presentan produtos cunha certa orde de degustación. Quixemos potenciar ese xogo levando a fragmentación ao propio soporte, e a pouco que afondamos a referencia amosouse clara: convertimos cada prato nun minifundio articulado en microparcelas.
As solucións superficiais destas parceliñas (labrado, plano e cóncavo, para resolver desde o snack seco ata as elaboracións de culler) e as súas combinacións dan lugar a tres pratos que cumpren as funcións habituais nunha vaixela. Ademais de actuar de xeito autónomo, todas as pezas poden combinarse entre si ao longo dos seus eixos principais, o que permite crear xogos compositivos nos que se xeran microtopografías sobre a mesa.
Ferrádica Vaixela
Sargadelos
Ficha técnica
- Título Ferrádica
- Título descritivo Deseño e desenvolvemento de soporte en porcelana para a degustación en alta gastronomía
- Data Abril 2014
- Promotor Sargadelos
- Deseño e desenvolvemento Cenlitrosmetrocadrado
- Moldes e prototipos Sargadelos
- Fotografía Javier Iglesias e cenlitrosmetrocadrado
- Produción e realización de vídeo Dodemo.es
- Ortofotografía do ‘voo americano’ Instituto de Estudos do Territorio. Xunta de Galicia
- Agradecementos Abastos 2.0 e Ivan Domínguez
- Mencións Mocoloco Experimenta