Cuarto Pexigo é un proxecto que nace co obxectivo de proporcionar a creativos de un amplo perfil un espazo temporal de traballo e aloxamento, como soporte a calquera acción que poidan desenvolver en Compostela e arredores. “Un espazo libre no parque de Belvís, dispoñible para enchelo de cousas ou momentos. Unha escena espida. Un contedor de historias. Un espazo versátil, efémero, mutante… en construción permanente”.
Todo se desenvolve nun único espazo, onde as pezas de mobiliario deben dar resposta ás diferentes necesidades que van xurdindo en cada situación. Así nace Exenta, unha familia de mobiliario polivalente que, co menor número de pezas tenta cubrir as necesidades propias do ámbito doméstico, e ao mesmo tempo adaptalas a un contexto profesional.
A autonomía formal das pezas confírelle unha grande flexibilidade á hora de ocupar o espazo con independencia do seu tamaño e forma. Do mesmo xeito, a facultade de desmontaxe e pregado simplifica as labores de transporte e almacenamento, facendo de Exenta unha solución lixeira e versátil.