No mesmo punto onde o chan comeza a erguerse para dar forma ao monte Pindo e vendo de reollo a praia de Carnota, atópase o lugar escollido polo ceramista Nacho Porto hai máis de trinta e cinco anos para fixar o seu espazo vital e de labor. Nunha arriscada pero firme aposta decide vincular a súa obra a este lugar, propoñendo deste xeito toda unha experiencia ao redor do seu traballo.
De formación autodidacta, a súa obra emana dun mundo onírico de fábulas e seres mitolóxicos, que van tecendo pontes coa realidade empregando certos aires de ironía e retranca galega. Froito desta metodoloxía de traballo, guiada polo impulso e a emoción do propio proceso, xurde un catálogo de pezas moi amplo e heteroxéneo tanto en forma como en tamaño.
Como resposta a esta diversidade propuxemos un sistema de embalaxe baseado nas proporcións dos formatos DIN, composto por laterais e tapas individuais que se van relacionando segundo a necesidade. Cada lateral participa na construción de varias caixas, segundo supoña a dimensión curta, longa, ou compartindo os catro lados no caso de ter planta cadrada.
Outra vantaxe que se obtén é o abaratamento dos custes de produción, derivado da simplificación do proceso e dun maior aproveitamento dos materiais. A ensamblaxe das diferentes partes faise mediante encaixes entre as propias pezas, sen empregar ningún tipo de adhesivo ou compoñente de unión a maiores.
Embalaxes DIN Sistema de embalaxe
Nacho Porto Cerámica