Un recén inaugurado estudio formado por tres deseñadores sen apenas experiencia previa atópase na tesitura de ir na busca de potenciais clientes. Por estas latitudes é habitual, cando se vai de visita á casa de alguén, levarlle algún presente -un detalle-. Partindo desta base traballamos na idea dun pequeno obsequio que nos servise como carta de presentación, como pequeno concentrado da filosofía que está detrás do estudio, pero que á vez cumprise unha función para o obsequiado.
O resultado dese proceso foi esta lata de conserva, que contén semente de herba e substrato vexetal. Con só abrir a lata e regala obtemos un pequeno xardín, un ferradiño de verde no medio do sempre especulativo espazo de traballo.
Ao empregar unha lata como soporte tratamos de facer referencia ao sector conserveiro coma xerme do tecido industrial galego -sector no que o deseño puido aportar moito ao longo dos anos- pero tamén á cuestión minifundista -piar fundamental da idiosincrasia do país, mal que nos pese-. A carga funcional recae na herba, cuxa capacidade de actuación sobre os cinco sentidos trata de levar a ergonomía a ámbitos que van máis aló do estritamente biomecánico.