“Da árbore á cadeira” é unha exposición que ten lugar no Museo Centro Gaiás co obxectivo de amosar o patrimonio forestal galego e a aplicación das súas madeiras na fabricación de mobles. A mostra estrutúrase en dous grandes bloques, o primeiro fai un percorrido pola riqueza medioambiental do bosque galego mentres que o segundo componse dunha selección de pezas de mobiliario doméstico de autores galegos producidas en madeira.
Para o deseño das capas partíamos da premisa de que o catálogo debía estar dividido en dous tomos en relación aos dous bloques temáticos que compoñen a mostra, facendo referencia ao inicio e o final dun proceso de transformación e creación de valor que vai dende a árbore no monte ata a cadeira no fogar.
Para ilustrar estes conceptos nas capas, decidimos empregar unha peza de madeira que en cada tomo vaise especializando e adoptando unha forma e unha textura característica. No adicado á árbore a peza é circular e o corte transversal, como referencia á forma cilíndrica do tronco e ao corte da tala, amosando a textura dos característicos aneis de crecemento da árbore. Mentres que no adicado aos mobles a forma é cadrada e o corte lonxitudinal, en relación ao formato da madeira comercial e á textura creada pola veta. Estas pezas de madeira que ilustran as capas sobresaen do plano de encadernación creando un alto relevo e teñen o seu contrapunto en un baixo relevo practicado na contracapa do tomo contrario que permite o ensamble dos dous tomos coma se dunha peza única se tratase.
Da árbore á cadeira Capas do catálogo
Museo Centro Gaiás
Ficha técnica
- Título Da árbore á cadeira
- Título descritivo Deseño de capas do catálogo
- Data Maio 2017
- Cliente Museo Centro Gaiás
- Deseño Cenlitrosmetrocadrado
- Impresión e encadernación Agencia Gráfica Gallega
- Autoría vídeo Pablo Soto Goluboff
- Propiedade do vídeo Fondos pertencentes a Gaiás Cidade da Cultura de Galicia.