Ao chegar ao seu 15 aniversario, os membros de Berrogüetto acordaron que era un bo momento para facer conta da súa traxectoria e decidiron que o mellor xeito de facelo era cunha biografía. A edición, a cargo da Editorial Galaxia, acompañaría o texto co primeiro rexistro ao vivo da banda, recollido nun CD e un DVD, no que repasan os seus cinco discos de estudio.
O xornalista Fernando Neira foi o encargado de poñer negro sobre branco o que deron de si estes quince anos. O seu texto, cunha estrutura narrativa moito máis próxima á novela do que é habitual no campo das biografías, e o abondoso material gráfico do que dispoñiamos déronnos as claves para construír a maqueta: tratar de xeito independente as páxinas de fotos e as de texto, e reforzar nestas últimas a fluidez do texto. Para conxugar estas dúas directrices definimos unha retícula modular que nos dese unha alta versatilidade á hora de compoñer as páxinas de fotografías e que nos permitise encaixar unha columna de texto axeitada para unha lectura continuada.
Berrogüetto. O Pulso da Terra Libro
Editorial Galaxia