Ao longo do 2009 levouse a cabo unha intervención na ribeira do río Traba, moi preto da vila de Noia, que pretendía dun xeito tranquilo dignificar un espazo social ligado a unha longa tradición cultural e que hoxe ficaba desatendido. Neste proxecto integrámonos no equipo técnico da intervención, encargándonos da sinalización direccional, microtoponímica e de interpretación xeral do espazo.
Á hora de desenvolver un concepto gráfico-material para a sinalización que reflectira a diversidade de aproveitamentos do río, así coma o seu carácter vivo, tiñamos a dúbida de como xunguir na solución o binomio tradición-contemporaneidade. Un conxunto de sete pictogramas remítennos ás diferentes tipoloxías de aproveitamento hidráulico desde a perspectiva humana, estes pictogramas identifican os diferentes gremios a través de posicións corporais, cortes de roupa, apeiros e xeitos de transporte, extraídos de fotografías antigas.
No sistema de sinalización empregamos como materiais a cerámica e a chapa de zinc. A cor e porosidade da pasta cerámica fai referencia ás tonalidades da area con diferentes graos de humidade que o río vai depositando nas marxes, mentres que o zinc remítenos á tradicional aplicación deste material en caldeiraría e canos de recollida de augas. A sinalización complétase con dous paneis explicativos, un no acceso principal ao barrio e outro no lavadoiro, tradicional espazo de encontro.
A Pedrachán Sinaléctica
Concello de Noia

Ana Filgueiras Rei
Arqueóloga e antropóloga
A idea primordial era a de recuperar e dinamizar a ribeira do río Traba ao seu paso pola vila de Noia, dun xeito planificado e progresivo nunha zona periurbana e por iso desatendida, dotada de singulares valores medioambientais e cunha grande trascendencia histórica e cultural na vila. O aproveitamento hidráulico do río noutrora posibilitou a instalación de muiños en época medieval, dando logo paso a un considerable dinamismo fabril.
O obxectivo era atender prioritariamente á dimensión socio-cultural deste espazo así como á súa ordenación herdada, custodiada pola tradición oral, a memoria colectiva e a forma tradicional de habitalo, contando para ilo coa implicación e complicidade veciñal. Polo seu valor patrimonial singular, era preciso actuar nel compatibilizando as novas necesidades coa pervivencia de valores históricos, etnográficos e arquitectónicos.
Un estudo inicial determinou as pautas para unha colaboración interdisciplinar, con propostas técnicas atendendo aos valores herdados, á pluralidade de significados e á identidade do lugar. Esta intervención quería ademais promover reutilizacións eficaces así como realizar propostas específicas de sinalización para orientar e instruir con respeto, eficacia e discreción.
Ficha técnica
- Título A Pedrachán
- Título descritivo Deseño, desenvolvemento e aplicación de sinaléctica para o barrio d’A Pedrachán (Noia)
- Data Xaneiro 2010
- Promotor Concello de Noia
- Localización A Pedrachán. Noia (A Coruña)
- Deseño de soportes para sinaléctica Cenlitrosmetrocadrado
- Imaxe gráfica e aplicacións Cenlitrosmetrocadrado
- Contidos Ana Filgueiras Rei
- Estruturas metálicas Talleres El Cubano
- Estampas Láser Galicia
- Cerámica Purificación Fernández
- Vinilos Rotulaciones Ageitos
- Fotografía Javier Iglesias e Cenlitrosmetrocadrado
- Agradecementos Alfonso Salgado
- Mencións Anuario Select i. Editorial Index Book Anuario Creatividade Galega 09 Acción DAG