Amelia
Caixa retornable para produtos da horta
Ata non fai moitos anos existía unha relación moito máis directa entre os produtos do rural e os seus consumidores. Non hai que facer moita memoria para recordar aquelas bolsas cheas de grelos ou polos, as caixas de galletas con ducias de ovos dentro que chegaban a casa, ou aquelas visitas á casa da señora Elvira -ou Palmira, ou Élida, ou…- para ir buscar os sacos de patacas.
Na actualidade, ese modelo de compraventa está recuperando a súa vixencia, desta volta en forma de grupos de compra, produción ecolóxica, distribución directa, ecocestas… Os beneficios deste sistema son obvios: O consumidor obtén produtos de moi alta calidade, dos que coñece a súa procedencia e a un prezo xusto; o produtor obtén unha rendibilidade axeitada a través modelo de produción non intensivo e, á vez, crea unha fidelidade na demanda.
Un dos elementos fundamentais no conxunto de accións que conforman este sistema son os contedores dos produtos. O habitual é empregar caixas de madeira (normalmente balsa) ou de cartón, aínda que ultimamente se están empregando tamén caixas de plástico. Todas elas presentan varios inconvintes relacionados coa súa resistencia, co seu ciclo de vida ou coa enerxía necesaria para a súa produción e reciclaxe. Por todo isto propuxémonos desenvolver un modelo de contedor que atendese a aquelas eivas que observamos nas solucións actuais, e así é como nace Amelia.
En Amelia repartimos as funcións entre as dúas partes que a conforman: a bolsa de loneta e a estructura de madeira. Con esta disociación resolvemos cuestións relativas á conservación dos alimentos nas caixas, a ergonomía, a apilabilidade e a optimización do volume ocupado; e todo isto conseguímolo empregando materiais dunha alta durabilidade e que son facilmente reparables.
Ademais de resolver estas funcións eminentemente prácticas, o principal obxectivo de Amelia é o de contribuir a comunicar o valor e a calidade dos produtos que contén, á fin e ao cabo detrás destes produtos e do xeito en que chegan ao consumidor atopamos modelos de relación xustos e sostibles, tanto desde o punto de vista ecolóxico coma humano.









