Idea Núa

Imaxe corporativa e deseño de mobiliario

Para Ana Ferreiro a psicoloxía é ‘a arte de esfrangullar e facer sinxelo aquilo que semella insuperable’. Con esta idea na cabeza foi sinxelo buscarlle nome ao seu gabinete de psicoloxía: collemos a ‘unidade mínima de pensamento’ e desprendémola de todo o accesorio. Da mesma maneira ese concepto amosábanos unhas claras directrices de como debiamos afrontar a imaxe corporativa: conceptos claros e sinxelos, ordenación intuitiva dos elementos e recursos gráficos sen grandes artificios.

Na construción da marca empregamos unha tipografía de rasgos amables, lixeira e nunha cor neutra cunha lixeira calidez. Como recursos secundarios -que aplicamos na papelería e na web- empregamos diversos tipos de asento como representación de diversos caracteres psicolóxicos. As distintas ordenacións e posicións destes asentos fan referencia ás diversas circunstancias psicolóxicas persoais ou de grupo -parella, familia-.

No deseño do mobiliario para o seu gabinete tamén quixemos facer patente as sensacións de calidez e comodidade, necesarias para o desenvolvemento da actividade. A madeira maciza, traballada a partir de tablóns de espesor constante, e combinada con chapa metálica e trenzados de fibras vexetais, é o eixo dun mobiliario que pon en valor o rigor construtivo da tradición.

A partir dun plantexamento formal marcado pola sinceridade estrutural, con encontros e ensambles á vista, desenvolvemos as diversas pezas de mobiliario (cadeiras, butacas, mesas, estanterías, aparadores e carriños auxiliares), todas elas fáciles de producir, coa idea de que poidan ser fabricadas por unha carpintaría de baixa tecnoloxía.

Con Idea Núa buscamos o xeito de presentar a psicoloxía como un ámbito máis da saúde pública, desprendendo esta disciplina da aura traumática que habitualmente a rodea.













Esta entrada foi publicada o 06 May 2010 en gráfico, produto

Comenta

*