Berrogüetto

Disco

Sería imposible falar da revolución do folk galego dos anos noventa sen nomear a Berrogüetto, probablemente o grupo que mellor xunguiu tradición e modernidade e que continúa demostrando con cada disco o carácter innovador das súas sonoridades. Neste seu quinto disco contan coa colaboración dos escritores Rosa Aneiros e Manuel Rivas, e de Olaia Sendón, autora da videocreación que acompaña ao disco. En palabras de Berrogüetto ‘Kosmogonías é unha reflexión entre a humanidade e o universo, unha chamada chea de optimismo cara a consecución dun sistema de organización máis xusto’. É esta idea o fío común de todo o disco, o pé no que se apoian os textos de Rosa e Quico Comesaña, o traballo de Olaia e tamén o noso. Unha visión poliédrica que non fai outra cousa que reforzar a unicidade do discurso kosmogónico.

No desenvolvemento gráfico asimilamos a mensaxe kosmogónica e deconstruímola, para despois aplicar cada un dos posibles enfoques nos diversos materiais que compoñen o disco. Así, creamos constelacións e símbolos que ilustran cada un dos sete berros -concibidos por Olaia para a súa videocreación-, radiacións de fondo cósmicas que identifican á música cos seus creadores ou nebulosas ficticias que ilustran esta mensaxe común do disco.

O logotipo tamén foi obxecto dun exercicio de estilización que simplificou os seus trazos, a construción tipográfica de ‘Berrogüetto’ e ‘kosmogonías’ busca analoxías formais con este renovado logotipo. No libreto establecemos un xogo que busca a complicidade do lector: ademais da clásica estrutura lineal de lectura buscamos outros xeitos de ler e de ordenar, nos se que fan visibles mensaxes ocultas e relacións entre constelacións, berros e músicos.












Esta entrada foi publicada o 12 Apr 2010 en gráfico

2 comentarios

Namora dende logo a composición tipográfica alén do contido do disco. Noraboa amigos.

Comenta

*