A Pedrachán

Sinalética

Ao longo do 2009 levouse a cabo unha intervención na ribeira do río Traba, moi preto da vila de Noia, que pretendía dun xeito tranquilo dignificar un espazo social ligado a unha longa tradición cultural, e que hoxe ficaba desatendido. O equipo técnico desta intervención estivo formado por Ana Filgueiras (arqueóloga e antropóloga), responsable do estudio inicial sobre as singularidades fisiográficas e socioculturais que definen a identidade do lugar, Salgado+Liñares (arquitectos e enxeñeiros), encargados do proxecto urbanístico e arquitectónico e da dirección de obra, e nós, que nos encargamos da sinalización direccional, microtoponímica e de interpretación xeral do espazo.

Á hora de desenvolver un concepto gráfico-material para a sinalización que reflectira a diversidade de aproveitamentos do río, así coma o seu carácter vivo, tiñamos a dúbida de como xunguir na solución o binomio tradición-contemporaneidade. Un conxunto de sete pictogramas remítennos ás diferentes tipoloxías de aproveitamento hidráulico desde a perspectiva humana, estes pictogramas identifican os diferentes gremios a través de posicións corporais, cortes de roupa, apeiros e xeitos de transporte, extraídos de fotografías antigas.

No sistema de sinalización empregamos cerámica como soporte dos pictogramas e da micro-toponimia e chapa de zinc, que serve tanto de soporte á cerámica como de espazo no que expoñer material relativo á interpretación do espazo. A cor e porosidade da pasta cerámica fai referencia ás tonalidades da area con diferentes graos de humidade que o río vai depositando nas marxes, mentres que o zinc remítenos á tradicional aplicación deste material en caldeiraría e canos de recollida de augas. A produción do traballo cerámico correu a conta de Puri Fernández Moré, ceramista de Teis-Vigo.

Ademais das pezas de sinalización direccional e microtoponímica, instaláronse dous grandes paneis: un no acceso principal ao barrio, con indicacións xerais para a orientación, e outro no lavadoiro, de interpretación xeral do conxunto, por ser por tradición un espazo de encontro.



















Esta entrada foi publicada o 21 Jan 2010 en gráfico, produto

Comenta

*