Cluster da Madeira

Xornadas de deseño

O Cluster da Madeira de Galicia organiza todos os anos unhas xornadas internacionais de deseño e arquitectura. Na súa sexta edición o tema das xornadas foi a xestión do deseño para a innovación, nas que tamén se levou a cabo por primeira vez un obradoiro, impartido polo deseñador holandés Huub Ubbens. O noso traballo consistiu no desenvolvemento da imaxe gráfica e das aplicacións do evento, e na coordinación e asistencia técnica no obradoiro.

No plantexamento gráfico procuramos a forma de reflectir todos aqueles campos do desenvolvemento de produto nos que a acción do deseño pode ser factor de innovación. Deste xeito definimos cinco campos de acción do deseño: captación das necesidades da demanda, medio ambiente, definición formal do produto, comunicación e optimización da produción. Para expresar graficamente o concepto identificamos o deseño cun sifón do que sal un chorro de material, que é inxectado para dar forma a cada un dos símbolos gráficos asociados aos cinco campos definidos anteriormente.

O concepto gráfico foi despois aplicado na comunicación das xornadas (tarxetóns e follas de inscrición) e na sinalización na sede das xornadas (tanto no exterior coma nos accesos e a sala de conferencias). Desenvolveuse tamén unha animación para proxectar entre as intervencións dos poñentes.






Esta entrada foi publicada o 10 Dec 2009 en gráfico, obradoiro

Comenta

*